Friday 17 de May de 2024

A Xunta explora posibilidades de cooperación coa rexión de Malopolska, parte da antiga galitzia polaca


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantivo esta tarde un encontro con Marek Sowa, presidente da rexión

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantivo na oficina da Fundación Galicia Europa un encontro con Marek Sowa, membro do Comité das Rexións da UE e presidente do voivodato de Malopolska, rexión polaca que conta como capital coa cidade de Cracovia. O encontro celebrouse logo de meses de contactos informais e como consecuencia da vontade das autoridades desta rexión de Polonia por establecer un marco de cooperación con Galicia.

Como se encargou de lembrar Jesús Gamallo, tal interese está fundamentado na existencia de fenómenos socioeconómicos parellos nas dúas rexións, como a presenza de rutas de peregrinación relixiosa ou o peso relativo do turismo cultural en ambas, dado que tanto Galicia como Malopolska contan con varios sitios históricos rexistrados na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

De tal xeito, na xuntanza de hoxe discutiuse a posibilidade de cooperar en materia de turismo relixioso e cultural, estreitando lazos e compartindo boas praxes entre a Ruta Xacobea e o Camiño de Xoán Paulo II en Malopolska, itinerario que discorre polos lugares máis significativos na vida do antigo Papa, orixinario desta rexión polaca. Así mesmo, exploráronse posibles vías para aumentar o fluxo de turistas entre ambas rexións.

Jesús Gamallo aproveitou ademais este encontro para dar a coñecer a posición punteira de Galicia na produción de enerxías renovables dentro de España, información de especial interese para o representante de Malopolska debido á firme aposta que se está a facer na rexión pola I+D+i, sendo a segunda rexión de Polonia cun maior investimento no sector. Como resultado desa estratexia de impulso da economía do coñecemento, a rexión conta na actualidade cun 10% da súa poboación con titulación universitaria e acolle a un 13% dos científicos polacos nalgunha das súas 33 institucións de ensino superior.

“As potencialidades e atractivos de Malopolska son indubidables. É unha rexión dinámica que comparte moitos aspectos da estrutura produtiva de Galicia, como son o peso relativo do turismo ou o de industrias como a do automóbil. Isto, unido aos seus máis de tres millóns de habitantes e ao seu sólido sistema de ensino superior e investigación, fai dela unha moi boa candidata para manter contactos e desenvolver proxectos conxuntos que permitan acceder a novos recursos europeos”, sinalou Gamallo. “É moi importante fomentar este tipo de alianzas con aquelas rexións que, como Malopolska, comparten os intereses de Galicia, máis aló do eido da cooperación transfronteiriza.”, engadiu como conclusión.